HomePontevedraDezaPastoreo, axilidade, morfoloxía e habilidades nas múltiples actividades caninas da feira Abanca...

Pastoreo, axilidade, morfoloxía e habilidades nas múltiples actividades caninas da feira Abanca Semana verde 2025

- Anuncio -spot_img
  • CENTENARES DE CANS DE INFINIDADE DE RAZAS SERÁN OS PROTAGONISTAS DE EXHIBCIÓNS E COMPETICIÓNS QUE VOLVERÁN CONTAR CON GRAN ÉXITO ENTRE O PÚBLICO
  • O CERTAME CELEBRARÁ A SÚA 47ª EDICIÓN DO 5 AO 8 DE XUÑO NO RECINTO FEIRA INTERNACIONAL DE GALICIA ABANCA

A Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia, que celebrará a súa 47ª edición do 5 ao 8 de xuño, contará de novo no seu programa cun gran número de actividades caninas, as cales reunirán a centenares de cans de infinidade de razas.

Así, no ring do recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA non faltará o agility, de man da Federación Galega de Caza e Canedupo, con actividades para nenos os dous primeiros días, exhibicións para público xeral durante a fin de semana e tamén probas oficiais da liga Autonómica e a Copa Abanca Semana Verde de Galicia. Sumaranse exhibicións de habilidade canina.

Tamén a Federación Galega de Caza organizará o domingo unha Mostra de Cans de Caza, na cal se irán mostrando de forma individual exemplares de diversas razas de caza á vez que o presentador explicará aspectos como as súas características ou utilidades. Nesta ocasión o encargado de presentala será Luis Eusebio Fidalgo, presidente da Federación de Caza.

Ademais, a Sociedade Canina Galega, volverá levar a beleza canina á feira. Así, multitude de cans das razas máis diversas competirán por alzarse co Best In Show no XVIII Concurso Nacional Canino Feira Internacional ABANCA Semana Verde De Galicia. E unha vez máis a Unidade Cinolóxica do Terzo Norte de Infantería de Marina realizará unha demostración que incluirá diversos exercicios e simulacións para que o público poida ver o seu traballo.

Por outra banda, as razas autóctonas terán gran protagonismo no programa da feira, polo que o Can de Palleiro non podía faltar nas actividades caninas. Así, o Club Can de Palleiro celebrará o XXXI Concurso Monográfico da raza, xogos tradicionais e talleres de debuxo infantil, ademais de contar coa presenza de distintos exemplares no stand. Como xa é habitual, tamén se entregarán recoñecementos a socios veteranos do Club e o xa tradicional “Palleiro de Honra”.

Pastoreo de ovellas

Unha das novidades desta edición será a realización dunha exhibición de pastoreo de ovellas, a cargo da Asociación de Cans Pastores de Galicia (Acapagal) e a Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galicia (Ovica).

Levarase a cabo o sábado pola tarde e nela un especialista mostrará as habilidades para pastorear rabaños de ovellas de varios cans border collie, unha raza con gran capacidade para este labor. Obediencia ás ordes que se lles transmiten, guiado dos animais ou separación dunhas das ovellas do rabaño serán só algunha das destrezas que poderá ver o público asistente.

Publicacións Relacionadas