Ryan Ou’Shaughnessy impúxose por diante do seu compañeiro Vinicius Kovalsys no Campionato do Minho
O conxunto de Mos adxudicouse a clasificación por equipos nas dúas carreiras da Taça de Portugal júnior disputadas durante a fin de semana
Lidera a táboa por escuadros a falta dunha proba para que conclúa o certame luso
Picusa Academy protagonizou un día redondo este domingo na localidade portuguesa de Fafe. Un atrevido ataque lanzado nos primeiros quilómetros do Campionato do Minho obtivo como premio a vitoria e o segundo posto na liña de meta, así como o triunfo por equipos na cuarta cita puntuable da Taça de Portugal júnior. Un éxito na táboa por escuadros que tamén lograra na apertura da fin de semana
O conxunto con sede en Mos iniciou o sábado o seu calendario de competicións do mes de maio participando no Prémio Cidade de Penafiel. Na terceira cita da Taça de Portugal, disputada sobre unha distancia de 91 quilómetros, Picusa Academy quedou ás portas de subir ao podio por partida tripla. Adrián Prieto terminou quinto, a 12 segundos do gañador, seguido polos seus compañeiros Marco Núñez e Ryan Ou’Shaughnessy, sexto e sétimo clasificado, respectivamente. O bo rendemento colectivo outorgou á formación galega a primeira posición por equipos.
Tras o apertado desenlace na véspera, o escuadro patrocinado pola histórica firma portuguesa Picusa buscou sorprender o domingo no arranque do 85 km do Campionato Minho. O australiano Ryan Ou’Shaughnessy e o brasileiro Vinicius Kovalsys escapáronse practicamente desde o banderazo de saída.
Chegaron a acumular unha diferenza de 3 minutos e, aínda que no tramo final reduciuse de forma considerable, asinaron un dobrete.
O’Shaughnessy impúxose con 17 segundos de vantaxe sobre Kovalsys e, desta forma, conseguiu o quinto triunfo individual do seu equipo no que vai de campaña, o primeiro na súa conta particular. O grupo perseguidor entrou a 25” do gañador cos galegos Marco Núñez e Breixo Cochón na sétima e na oitava praza. Picusa Academy volveu adxudicarse a clasificación por equipos e mantense como líder imbatida na xenerala por escuadros da Taça de Portugal: catro probas, catro vitorias. O certame luso regresará o 9 de agosto en Anadia coa súa quinta e última cita do ano.
A estrutura mosense tamén contou con representación esta fin de semana no Memorial Samuel Llorca, competición do calendario valenciano. O percorrido de 55 km resolveuse con Xavi Arnal ocupando a cuarta posición na meta de Denia.

