O goberno local defende un PXOM vivo, capaz de adaptarse á realidade e dar resposta ás necesidades do municipio
O Concello de Ponteareas continúa avanzando na xestión activa do seu planeamento urbanístico coa publicación este venres, 21 de agosto, no Diario Oficial de Galicia (DOG), da aprobación inicial da Modificación Puntual nº 3 (MP3) do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). Trátase dunha modificación puntual non substancial que afecta ao ámbito de solo urbanizable de uso terciario SURBZ-T-01.
A concelleira de Urbanismo, Silvia F. Táboas, reivindica o PXOM como un documento vivo e ao servizo do municipio. “Un Plan Xeral non pode entenderse como un documento intocable. Ten que evolucionar con Ponteareas e ser capaz de dar resposta ás necesidades que se detecten”. “Sempre que sexa necesario e estea xustificado polo interese xeral, este goberno impulsará as modificacións necesarias para mellorar o noso planeamento”, sinala.
Pola súa banda, a alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, destaca que “este é o modelo de xestión que queremos para Ponteareas: un Concello que non deixe os problemas enquistados, senón que tome a iniciativa para resolvelos”. “O planeamento ten que acompañar o desenvolvemento do municipio e, cando sexa necesario adaptalo ou corrixilo para beneficiar a Ponteareas, faremos todo o traballo necesario para conseguilo”, sinala Castro.
A MP3 foi aprobada inicialmente polo Pleno da Corporación municipal o pasado 28 de xullo e incorpora a ordenación detallada do ámbito SURBZ-T-01. Coa publicación no DOG ábrese agora un período de información pública de dous meses, durante o que poderá consultarse a documentación e presentarse as alegacións que se consideren oportunas. Finalizado este prazo, o Concello continuará coa tramitación da modificación conforme ao procedemento establecido pola normativa urbanística.

