Ponteareas lanza unha campaña informativa sobre a nova normativa para o uso de patinetes eléctrico

Redacción
  • O tríptico divulgativo pon o foco de forma urxente nas novas restricións que entran en vigor este 1 de outubro de 2026

O Concello de Ponteareas puxo en marcha unha campaña de concienciación e seguridade viaria dirixida aos usuarios de Vehículos de Mobilidade Persoal (VMP), coñecidos popularmente como patinetes eléctricos. A iniciativa arranca coa distribución dun folleto informativo deseñado para dar a coñecer de forma clara e visual a normativa vixente e os novos requisitos obrigatorios que se implementan de forma inminente.

Na presentación do material divulgativo estiveron presentes o tenente de Alcaldesa, Juan Carlos González, así como a Xefa da Policía Local e un axente. A campaña fai especial fincapé na necesidade urxente de que os usuarios se adapten ás normativas de aplicación inmediata a partir deste 1 de outubro de 2026, quedando estritamente prohibido conducir un VMP os menores de 15 anos en todo o termo municipal, tamén se establece a obrigatoriedade de uso do casco homologado para todos os condutores de patinetes, así como o chaleco de alta visibilidade para garantir a protección do usuario. Tamén recolle a nova normativa que os VMP, fora do núcleo urbán, só poderán circular por carrís bici, vías ciclistas ou vías segregadas do tráfico

O Tenente de Alcaldesa, Juan Carlos González, destacou durante a presentación que “o obxectivo prioritario é garantir a seguridade tanto dos condutores destes vehículos como dos peóns, fomentando unha mobilidade urbana responsable, segura e ordenada”. Pola súa banda, dende a Xefa de Policía Local incidiuse en que “o descoñecemento da norma no exime do seu cumprimento”. Para evitar isto, os axentes iniciarán un labor de información a pé de rúa e tamén facéndoo chegar o folleto aos usuarios a través dos colexios.

Pola súa banda, a alcaldesa, Nava Castro, destacou a importancia das novas medidas, incidindo en que a chegada do 1 de outubro de 2026 “marca un antes e un despois na ordenación viaria da vila”, polo que o Concello porá todas as ferramentas informativas necesarias”. A rexedora  puntualizou que “necesitamos a total colaboración cidadá para que Ponteareas siga sendo unha contorna urbana segura e moderna”.

Medidas vixentes

O folleto detalla de forma exhaustiva as condicións de circulación dos VMP, definidos como vehículos dunha soa praza propulsados por motor eléctrico cunha velocidade máxima de entre 6 e 25 km/h. E recórdase que dende xaneiro xa se esixe, de forma obrigatoria, contar con Seguro de Responsabilidade Civil, Certificado de Circulación expedido pola fábrica, Inscrición no Rexistro de VMP e a correspondente Etiqueta Identificativa (tipo matrícula) visible na parte traseira.

Tamén queda totalmente prohibido circular por beirarrúas, zonas peonís ou túneles urbanos, así como transportar pasaxeiros (son vehículos dunha soa praza). Tampouco está permitido o uso de teléfonos móbiles ou auriculares durante a condución, nin circular baixo os efectos do alcol ou as drogas.

O incumprimento destas normas de circulación poderá conlevar sancións económicas de carácter grave, a inmobilización do vehículo por parte das autoridades e a responsabilidade civil polos danos ocasionados en caso de accidente.

O folleto xa se atopa dispoñible no concello, na xefatura da Policía Local, e amais de repartirse nos colexios,  pode ser descargado dixitalmente a través da páxina web do Concello, e mediante o código QR habilitado no folleto pódese acceder a toda a información oficial sobre os requerimientos a cumprir.

Comparte este artigo