Rafa Domínguez reúnese con colectivos veciñais e comunidades de augas de Pontevedra para dar a coñecer o Plan Provincia Comunitaria e +Aqua

adminON
Lectura mínima de 2

O vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez, reunise no Salón de Plenos do Pazo Provincial con representantes de colectivos veciñais e comunidades de augas de Pontevedra para dar a coñecer o Plan Provincia Comunitaria e +Aqua. Na xuntanza, na que tamén participou o deputado de Acción Comunitaria, Javier Tourís, debulláronse as liñas mestras de ambos plans que acaba de lanzar o goberno provincial cun orzamento que ascende aos dous millóns de euros.

“Trátanse de dous plans moi necesarios, que poñen o acento nos colectivos veciñais e nas comunidades de augas, en entidades que están día a día en contacto coa cidadanía, traballando para mellorar a súa calidade de vida e fomentar a súa participación social”, asegurou o vicepresidente. Deste xeito, ambas iniciativas destinarán entre 6.000 e 10.000 euros a entidades veciñais e comunidades de augas. No caso concreto do Plan Provincia Comunitaria as axudas permitirán que as entidades veciñais poidan adquirir equipamentos ou executar obras de acondicionamento, reforma e ampliación de locais sociais ou en infraestruturas nas que desenvolven a súa actividade. Pola súa banda no caso do Plan +Aqua, as achegas permitirán que as comunidades de augas poidan mellorar ou reformar as infraestruturas e instalacións de auga comunitaria; realizar actuacións de dixitalización, sostibilidade e eficiencia enerxética que impliquen unha mellora da calidade da auga; mellorar os sistemas de tratamento; legalizar novas concesións ou renovar as existentes, así como mellorar as captacións e as infraestruturas de almacenamento de auga.

Comparte este artigo