A alcaldesa considera que é “unha nova importantísima” e asegura que o Concello está xa traballando na parte administrativa para acadar a mellor parcela posible e que cumpla os requisitos esixidos polo ente autonómico
A semana arrancou onte cunha “nova importantísima para o pobo de Marín”. Así se expresou a alcaldesa, María Ramallo, tras coñecerse que Marín é unha das 24 residencias para persoas con graos II e III de dependencia que a Xunta porá en marcha nun medio prazo.
A alcaldesa de Marín quixo recalcar que “este servizo é esencial para a nosa poboación. A atención ás persoas maiores, especialmente ás que presentan un grao de dependencia, é un dos retos aos que nos enfrontamos e que pasan por contar con infraestructuras que cubran as súas necesidades ao carón da súa casa, no seu propio termo municipal, o que mellora a súa estancia e a cercanía das súas familias”.
Ramallo informou de que agora o Concello está inmerso “no traballo que nos toca como Concello para que esta posibilidade sexa unha realidade o antes posible”. A rexedora afirma que se está traballando no estudo das parcelas que no PXOM se recollen como opcións viables dentro dos requisitos esixidos polo ente autonómico e pola lei urbanística para albergar nelas un equipamento destas características.
“Unha vez estea definido, poderemos poñer a disposición da Xunta ese chan para que poidan iniciar o proceso de licitación das obras. Pero a nova importante agora é formar parte deste ambicioso proxecto a medio prazo que axudará a paliar un dos nosos maiores desafíos no futuro máis próximo”, agregou a alcaldesa.

