Redondela estrea a nova pasarela peonil de Vilavella

Redacción

• A nova ponte peonil xa está aberta ao uso da veciñanza, conectando de xeito directo o aparcadoiro disuasorio co paseo fluvial do Maceiras e o centro da vila. O Goberno local destaca o éxito dun proxecto accesible e respectuoso co medio ambiente que humaniza a contorna e fomenta a mobilidade sustentable.

O Concello de Redondela rematou as obras da nova pasarela peonil de Vilavella, unha infraestrutura que xa está plenamente operativa para o uso de toda a veciñanza. Con este fin de obra, o Goberno local cumpre co seu compromiso de conectar de xeito “directo, seguro e accesible” o aparcadoiro disuasorio de Vilavella co paseo fluvial, transformando a mobilidade peonil nesta zona estratéxica do centro urbano.

A alcaldesa, Digna Rivas, amosou a súa satisfacción polo remate duns traballos que cualificou como “un paso definitivo para seguir estendendo o modelo de vila humanizada, reducindo o tráfico rodado no centro e dándolle todo o protagonismo ás persoas”. A rexedora subliñou que coa ponte en funcionamento “garántese que calquera persoa, teña ou non problemas de mobilidade, poida desprazarse cunha seguridade total”.

Pola súa banda, o concelleiro de Infraestruturas e Sostibilidade, Roberto Villar, celebrou ver concluída unha infraestrutura que nacera dunha proposta da Agrupación de Electores de Redondela e que respondía a unha forte demanda veciñal. “O resultado final demostra que se pode facer urbanismo amable e útil. A pasarela xa está a ofrecer unha alternativa real para os que queren acceder ao centro da vila sen depender do coche”, explicou Villar.

Unha execución respectuosa co río Maceiras

A obra materializouse seguindo un deseño sostible. A estrutura de madeira salva o río Maceiras sen ter instalado ningún tipo de apoio no leito, protexendo por completo o ecosistema fluvial e minimizando o impacto ambiental. A construción conta con cimentacións de formigón armado e varandas de madeira, e a estética intégrase coa paisaxe natural do paseo.

A intervención supuxo un investimento final de 24.254 euros, financiados cos fondos do Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra.

Comparte este artigo