– O Concello organiza dous paseos o venres 21 de agosto para descubrir a ría de Vigo desde o Outeiro Grande e gozar dunha ruta de kaiak na Portela. O domingo 23 o programa pecha cunha ruta ambiental polas terras de Saxamonde e Vilar de Infesta.
– Os concelleiros Rita Pérez e Roberto Villar destacan o éxito deste modelo de turismo sostible, no que participa tanto a veciñanza de Redondela como visitantes. As actividades unen a divulgación do patrimonio coa responsabilidade ecolóxica.
O Concello continúa a dinamizar a axenda estival co ciclo de “Roteiros Ambientais e Culturais”. Para esta fin de semana hai unha variada oferta de actividades con observacións nocturnas, deporte náutico e sendeirismo.
Na xornada do venres día 21 a cita é nocturna coa ruta “Observación Xeográfica, Histórica e Natural da Ría de Vigo” en horario de 20:00 a 22:30 horas. O punto de encontro é o Miradoiro do Outeiro Grande, no Viso, un enclave privilexiado para contemplar a contorna.
A concelleira de Turismo, Rita Pérez, sinala a importancia de aproveitar os recursos xeográficos únicos de Redondela para atraer turismo respectuoso e de calidade: “Queremos que tanto os redondeláns como os visitantes redescubran a maxia da nosa ría desde puntos estratéxicos como o Outeiro Grande. Deseñar actividades gratuítas e accesibles permite que toda a cidadanía poida gozar do noso patrimonio, poñendo en valor a nosa riqueza histórica e paisaxística nun formato nocturno moi atractivo para os meses de verán”.
Ademais, o venres de mañá os amantes dos deportes acuáticos poderán participar no ”Kaiak turístico á Portela”, de 11:00 a 12:30 horas cun prezo reducido de 20€.
Para pechar as propostas da fin de semana, o domingo 23 de agosto organízase a Ruta ambiental “Terras de Saxamonde e Vilar de Infesta”. Trátase dunha actividade gratuíta con guía en horario de 10:00 a 13:00 horas. Nesta saída dáse a coñecer o patrimonio natural destas parroquias e os seus ecosistemas. O concelleiro de Sostibilidade, Roberto Villar, recalca o compromiso do municipio coa educación ambiental: “Estes roteiros demostran que o lecer e a protección do territorio van da man, ensinando a respectar e protexer o noso patrimonio natural para as vindeiras xeracións”.
Todas as actividades contan con prazas limitadas para garantir o seu correcto desenvolvemento e o respecto pola contorna. Por este motivo, as persoas interesadas en asistir deben realizar unha reserva previa na Oficina de Turismo de Redondela, na rúa Isidoro Queimaliños, a través do teléfono 986 401 713 ou no correo electrónico turismo@redondela.gal.

