– A cita arrincará o sábado 10 de outubro cun desfile e o concurso didáctico “O Rosco da Batalla de Rande” no centro urbano da vila. As grandes xornadas de recreación histórica serán en Rande o sábado 17 e o domingo 18 de outubro coa contorna do Museo Meirande e o peirao como escenarios principais.
– O programa inclúe máis dunha decena de escenas teatrais que representa a Batalla Naval, o espectáculo pirotécnico ‘Arde o mar’, concertos e actividades deseñadas para toda a familia. A alcaldesa, Digna Rivas, salientou o valor identitario do evento que se celebra “grazas ao traballo e orgullo de todo un pobo”.
O Concello de Redondela e a Asociación Deportiva e Cultural de Rande presentaron hoxe a programación da XIII Conmemoración da Batalla de Rande. O acto institucional contou coa intervención da alcaldesa de Redondela, Digna Rivas; o presidente da asociación, Alejandro Comesaña; o vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Jorge Cubela; e a directora teatral, Mónica Sueiro.
Durante a súa intervención, a alcaldesa Digna Rivas salientou o valor identitario do evento: ” Esta conmemoración demostra ano tras ano que a nosa historia non é só algo que se le nos libros, senón algo que se vive, que se sente e que se celebra grazas ao orgullo de todo un pobo”. A rexedora tamén felicitou á ACD Rande polo seu “traballo incansable” para manter con gran rigor e paixón unha recreación que “sitúa a Redondela no mapa cultural de Galicia, preserva a memoria e dinamiza o turismo e a economía local”. Comesaña destacou a recuperación da comida de confraternidade que se celebra entre a veciñanza porque, malia que conmemoración faise para todo o público “os veciños e veciñas teñen que sentir que esta festa é deles”. Son moitos os que participan nas representacións teatrais que dirixe Mónica Sueiro, quen adiantou que este ano haberá “sorpresas” con novas pezas que porán en escena “tanto momentos da batalla como da vida diaria nesa época”.
O pistoletazo de saída: Sábado 10 de outubro no centro de Redondela
Co obxectivo de espallar a celebración e implicar a toda a cidadanía, a programación arrancará oficialmente a vindeira semana no propio casco urbano de Redondela. O sábado 10 de outubro, as rúas da vila acollerán un adianto da festa cun desfile temático. Nesa mesma xornada estrearase o concurso “O Rosco da Batalla de Rande” por diferentes espazos da vila. Trátase dunha actividade de carácter lúdico e participativo que animará aos asistentes a poñer a proba os seus coñecementos sobre a contenda naval.
Sábado 17 de outubro: Recreacións no Meirande e lume sobre a ría
O groso dos festexos regresará ao seu espazo natural no estreito de Rande o sábado 17 de outubro. A programación matinal iniciará ás 12:30 h coa chegada das embarcacións tradicionais e o recibimento de autoridades, seguido ás 12:45 h polo desfile da frota ao ritmo do grupo de gaitas “Asubíos”. A mañá completarase coas escenas teatrais “O cofre da benvida” (13:00 h), “O bastón de Rande” e “Normas para un bo xantar” (13:30 h).
Pola tarde, a recreación teatral da contenda collerá ritmo dende as 17:00 h con “A decisión (1ª parte)” e “A descarga” (17:15 h). O interior do Museo Meirande cobrará protagonismo coas representacións no camarote: “A frota queda en Rande” (18:00 h) e “A decisión (2ª parte)” (18:15 h). As últimas pezas do día serán “As setecentas” (19:00 h) e “O inimigo está na ría” (20:00 h). Ás 18.30 celebrarase unha charla a cargo do divulgador cultural Xosé Couñago sobre o patrimonio industrial de Rande. Como broche final, ás 20:30 h celebrarase o concerto de “O son do río” e ás 21:30 h activarase o agardado espectáculo pirotécnico ‘Arde o mar’ sobre o peirao.
Domingo 18 de outubro: Concurso infantil e música tradicional
A xornada do domingo 18 de outubro abrirase ás 11:30 h co desfile da frota e o recibimento musical a cargo do grupo de gaitas “Tirapuxa”, que tamén ambientará a escena “O cofre da benvida” ás 11:45 h.
Unha das novidades chegará ás 12:00 h co concurso infantil “Debuxa a túa batalla de Rande”. Sobre esta iniciativa, a alcaldesa incidiu en que “implicar aos máis pequenos é a mellor garantía de que a nosa historia e as nas tradicións sigan vivas no futuro”.
De xeito simultáneo, ás 12:00 h e 12:15 h, reactivaranse as escenas no camarote do Meirande, seguidas de “A descarga” ás 12:40 h. O apartado musical do domingo estará liderado polo concerto da “Rondalla de Redondela” ás 13:00 h. Finalmente, ás 14:00 h, as pezas de época “O bastón de Rande” e “Normas para un bo xantar” porán o punto e final á décimo terceira edición do evento.
Ambas entidades organizadoras queren estender o seu agradecemento aos veciños e veciñas implicados no desenvolvemento técnico e artístico, e convidan a toda a provincia de Pontevedra e a Galicia enteira a desfrutar desta fin de semana de viaxe no tempo.

