Salvaterra acada preto de 790.000 euros para humanizar a contorna da Capela de San Roque en Leirado

Redacción

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar o cofinanciamento da humanización da contorna da capela de San Roque de Leirado a través do Plan +Provincia 2026-27

O Concello de Salvaterra de Miño avanza decididamente na súa folla de ruta cara a un municipio máis habitable, verde e sostible. A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou de forma definitiva o cofinanciamento das obras de humanización, recuperación e mellora da contorna da capela de San Roque, na parroquia de Leirado.

Esta nova inxección económica, que ascende a preto de 200.000 euros, vén complementar os 590.000 euros xa asignados previamente a través do Plan Extra, blindando o desenvolvemento integral dunha das actuacións patrimoniais e veciñais máis relevantes do termo municipal.

O proxecto da capela de San Roque de Leirado busca priorizar a mobilidade peonil, dignificar o patrimonio arquitectónico e xerar espazos públicos accesibles para a convivencia da cidadanía. Esta intervención segue a liña das últimas grandes humanizacións executadas polo Concello de Salvaterra de Miño, entre as que destaca a transformación da rúa Forca e do entorno da Capela de San Roque en Cabreira, un eixe clave que viu renovados os seus servizos esenciais, pavimentos e mobiliario baixo criterios de plataforma única e accesibilidade universal.

Esta transformación en superficie está intimamente ligada á estratexia soterrada e de xestión enerxética do Concello. Durante os últimos catro anos, o goberno local despregou un ambicioso investimento en materia de eficiencia enerxética, optimizando as infraestruturas de alumbrado e climatización.

Con estas actuacións, o Concello de Salvaterra de Miño ratifica de xeito práctico o cumprimento dos compromisos adquiridos no seu Plan de Acción polo Clima e a Enerxía Sostible (PACES), cuxo segundo informe de seguimento e control foi validado recentemente polo pleno municipal. O municipio mantén con paso firme a súa meta de recortar as emisións de gases de efecto invernadoiro no tecido local, combinando para iso o aforro enerxético, a xestión de residuos e a reconversión urbana que sitúa ao cidadán no centro do espazo público.

Comparte este artigo