Estes campamentos están destinados para mozas e mozos de 12 a 17 anos. O San Simón Camp desenvolverase do 15 ao 18 de xullo e o Campamento de Surf do 27 ao 31 de xullo. As inscricións para estes campamentos serán en liña e estarán abertas do 1 ao 20 de xuño.
Esta mañá a concelleira de Mocidade, Rosana Martínez Boullosa, presentou o campamentos de verán que dende o concello lanzan para a época estival para as mozas e mozos de 12 a 17 anos. As inscricións, para ambos campamentos, serán en liña e estarán abertas do 1 ao 20 de xuño.
O primeiro destes campamentos terá lugar do 15 ao 18 de xullo e será o o San Simón Camp, encontro da mocidade de inmersión lingüística en inglés na Illa de San Simón. O principal obxectivo das actividades que se programan é que a mocidade participante se divirta mentres aprende un idioma estranxeiro. O equipo de monitores converterá o inglés no idioma vehicular en todos os momentos do día, procurando que o campamento se realice 100% en inglés: imaxinemos uns días de verán nun país de fala inglesa, esa é a meta. Equipo de monitorado composto por internacional nativo, especialistas e tempo libre. Para as actividades English project os grupos organizaranse por nivel de competencia. Unha cita para a que haberá 49 prazas e terá un custe de 50 euros para as persoas empadroadas e de 145 para os non empadroados. Neste prezo inclúese manutención, pernocta en habitación dobres-triples, actividades, material, persoal titulado, seguridade, seguro, desprazamentos. Máis información e inscrición en liña do 1 ao 20 de xuño no seguinte enlace https://qrcd.org/5HLY.
O outro dos campamentos que aterra este ano pisando forte e como novidade é o Campamento de Surf, unha cita que se desenvolverá do 27 ao 31 de xullo na praia de Razo en Carballo (A Coruña). O campamento vai enfocado este ano a descubrir a mellor forma de gozar do surf na praia de Razo situada en Carballo (A Coruña). A escola Art Surf Camp, ofrece clases de surf con monitorado altamente cualificado e a oportunidade de divertirse nunha experiencia única nun ambiente seguro e acolledor. Os grupos organizaranse por idades. Unha cita para a que haberá 49 prazas e terá un custe de 70 euros para as persoas empadroadas e de 250 para os non empadroados. Un prezo que inclúe: manutención, pernocta en habitacións compartidas con baño, actividades, material, persoal titulado, seguridade, seguro, desprazamentos de ida e volta. Máis información e inscrición en liña do 1 ao 20 de xuño no seguinte enlace https://qrcd.org/5HM8.
A concelleira de Mocidade xa explicou nesta xornada que as prazas cubriranse por orde de inscrición e que terán preferencia as persoas empadroadas no concello de Soutomaior. Ademais, Rosana Martínez Boullosa, tamén dixo que unha vez confirmadas as e os asistentes realizarase unha reunión coas familias e participantes e co monitorado para explicarlles todas as actividades e detalles destes campamentos de verán para a mocidade.

