Telmo Marín é incapaz de atallar os problemas de limpeza, ruídos e malestar que está provocanco o turismo do botellon en Sanxenxo

Redacción

Nas últimas semanas acumúlase lixo e restos de botellas en diferentes emprazamentos do municipio, mentres que o Goberno do PP destina todos os recursos policiais ao Porto Deportivo

O BNG critica a inacción do alcalde, que non só non é quen de garantir o descanso co lecer nocturno e que se limita a botar balóns fóra falando de incivismo, senón que vende proxectos como a senda do litoral entre Sanxenxo e Portonovo, que “ben podería ser a senda do botellón”

O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Sanxenxo lamenta que, unha vez máis, a imaxe do municipio no verán quede seriamente afectada polas consecuencias do turismo de botellón, que son ben visibles en diferentes emprazamentos do concello. Desde hai semanas, lugares como Punta Vicaño, a praia de Lavapanos ou os aparcadoiros disuasorios situados nas proximidades do Novo Templo acumulan restos de botellas de vidro, comida e cabichas, ao seren lugares nos que se están a celebrar de xeito regular polas noites encontros de xente moza para beber. Unha situación que da que os nacionalistas responsabilizan directamente ao alcalde, Telmo Martín, cuxa inacción e incapacidade de inacción está provocando moitas molestias á veciñanza e aos visitantes que queren descanso. En vez de atallar esta problemática, que se repite verán tras verán, o señor Martín opta por vender proxectos faraónicos.
“Agora está moi centrado en prometer a senda do litoral entre Sanxenxo e Portonovo, que, visto o visto, pode chamala senda do botellón”, ironiza o BNG.

O Bloque acusa ao rexedor do Partido Popular de escudarse no incivismo das persoas que deixan estes restos nos espazos públicos.
“Hai un comportamento intolerable que merece ter consecuencias, pero iso non debe desviar o foco da falta de respostas e de solucións por parte do alcalde”, advirten desde o BNG, que xa no Pleno de xullo puxeron a problemática sobre a mesa. Foi na quenda de rogos e preguntas, cando a concelleira Estrella Martínez interpeleou ao señor Martín para saber que medidas ía tomar o Concello para atallar o problema dos botellóns na praia urbana de Lavapanos. Co paso das semanas, a este punto fóronselle sumando outros, como o parque de Punta Vicaño ou lugares da contorna da Florida, incluíndo os aparcadoiros disuasorios, onde o lixo é perfectamente visible entre os vehículos estacionados. Esta imaxe de suciedade tamén se estende á vía pública. En moitos lugares de Portonovo, Sanxenxo e outras parroquias pódense atopar restos de vidro, envoltorios de comida ou mesmo restos de vómito que non se dan retirado, como sucede na PO308 á altura de Nanín. A otdo isto hai que sumar as molestias que denuncian moitos veciños e veciñas polo exceso de ruído en plena madrugada. “Desde que comezou o mes de agosto a cousa foi a peor e non vemos ningún tipo de resposta por parte do Concello. O señor Telmo Martín limítase a falar de incivismo e a botarlle a culpa aos pais da mocidade, como fixo no Pleno, sen tomar cartas no asunto, máis alá do ‘paripé’ de acompañar á Policía Local polo Porto Deportivo en roldas nocturnas”, denuncia o BNG.

Precisamente, unha das razóns da proliferación dos botellóns é a teima do Goberno do PP en centrar todos os recurso nos locais do porto.
“Unha vez máis, queda demostrado que a Telmo Martín só lle importa o Porto Deportivo e Silgar. Nin sequera é quen de preocuparse polo que acontece en Punta Vicaño, xa lle queda algo máis lonxe”, ironizan os nacionalistas, que son moi críticos coa ausencia de axentes e auxiliares do corpo de seguridade no resto do municipio. “Xa nos transmitiron moitas queixas veciños e veciñas de diferentes parroquias sobre este punto. A Policía Local só é visible na ‘movida’ nocturna do Porto e para poñer multas, pero non hai roldas de vixía nin regulamento do tráfico en lugares onde se concentra unha maior afluencia de vehículos, como pode ser na Rúa Progreso ou na entrada a Portonovo, especialmente cando se celebra o mercado os luns e xoves”, apuntan desde o Bloque.

Todo isto non fai máis que “transmitir unha imaxe de deixadez, abandono e suciedade que non está á altura de Sanxenxo, nin da súa xente nin dos e das profesionais do sector turístico. Telmo Martín é o responsable desta situación e, por máis que presume de que está todo controlado, o certo é que a cousa non deixa de ir a peor”, conclúen os nacionalistas.

Comparte este artigo