Telmo Martín provoca a perda de identidade da contorna de Silgar coa súa intención de retirar a balustarda de pedra do Paseo

Redacción
Lectura mínima de 5

O BNG denuncia e lamenta que o Partido Popular decida retirar este emblemático elemento, un dos máis recoñocibles desta zona, a través dunha decisión na que, unha vez máis, non tivo en conta á veciñanza

Os nacionalistas sinalan que “había mellores opcións que poñer material inoxidable”, como realzar a pedra ou usar outros materias menos feístas e máis respectuosos co simbolismo da zona

O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Sanxenxo lamenta que a política de formigón de Telmo Martín e do Partido Popular estea a provocar a perda de identidade da contorna de Silgar. A obra anunciada para a retirada da balaustrada de granito nas proximidades da praia, que o Goberno local quere substituír por unha pasarela de material inoxidable, está a xerar moi moito malestar da veciñanza, tanto polo propio acto en si como por, unha vez máis, facer algo sen respectar ou ter en conta a opinión da xente do pobo. “É un máis do mesmo, outra fuxida cara adiante na teima que ten o señor Martín de encher todo de cemento, aínda que iso supoña un ataque á historia e á tradición de Sanxenxo”, cargan os nacionalistas.

Os concelleiros e responsables locais do Bloque pasaron revista este xoves á zona, na que a balaustrada, símbolo do Paseo de Silgar durante décadas, vai ser cambiada por unha pasarela que o único que fai é acentuar o feísmo. O BNG deixa claro que “nós non estamos en contra de que se fagan melloras, pero entendemos que hai opcións moito mellores e, sobre todo, mási respectuosas coa contorna, algo que o señor Martín nunca parece ter en conta”. Os nacionalistas sinalan que a elección de aceiro inoxidable para a instalación da nova pasarela non é a axeitada. “A proximidade do mar fará que a infraestrutura acabe igualmente erosinada”, advirten desde o Bloque, que achegan outras posibilidades. “O Goberno local non valorou facer uso doutros materiais, como por exemplo cobre, ou realzar os elementos de granito”, denuncian. Esta última opción resultaría moito máis respectuosa “cun dos últimos símbolos que quedan da historia do Paseo de Silgar e que, precisamente, fan deste espazo un lugar recoñecible”. Os nacionalistas van máis alá ao sinalar que “a política de cemento do señor Martín é imparable e, precisamente, a contorna de Silgar é o maior exemplo, xa que pouco ten que ver coa estampa que presentaba hai poucas décadas.

Agora, todo é formigón e edificios que, na maioría dos casos, albergan segundas vivendas, a prezos desorbitados, consecuencias da ambición especuladora do noso alcalde”. O único que sobrevive desa historia é a emblemática Casa das Cunchas, no tramo final do paseo. “Telmo Martín será lembrado por ser o alcalde que promoveu a decadencia histórica e a perda de identidade de Silgar”, advirten desde o Bloque.

Outro feito que tamén denuncian os e as responsables nacionalistas é a incapacidade que demostra sistemáticamente o alcalde á hora de promover actuacións deste tipo sen ter en ningún momento en conta aos veciños e veciñas de Sanxenxo. “Esta actuación promóvese sen consultar á veciñanza, que xa é un ‘modus operandi’ habitual do señor Martín e do Partido Popular. A nós cónstanos que moita xente non está dacordo coa eliminación da balaustrada. Está claro que Telmo Martín non aprende”, apuntan desde o BNG, que lembran, unha vez máis, o rexeitamento veciñal que tivo a reforma do Mirador da Peixeira en Portonovo. “Unha obra que foi repudiada pola xente da vila e, seguramente, con esta actuación pasará o mesmo”, auguran os nacionalistas. Por último, o Bloque tamén lamenta que os esforzos de Telmo Martín se centren exclusivamente en promover obras de máis cemento e formigón na contorna de Silgar e do Porto Deportivo, mentres que “o resto do concello, especialmente o rural, está a monte”.

Comparte este artigo