Os concelleiros de Educación, Gonzalo Outeiro, e de Obras, Pablo Garrido, visitaron hoxe o CEIP Manuel Padín Truiteiro e a escola infantil A Galiña Azul para comprobar o estado das actuacións realizadas e as necesidades dos centros
O Concello de Soutomaior xa ten todo listo para a volta ao cole dos centros educativos do municipio. Os concelleiros de Educación, Gonzalo Outeiro, e de Obras, Pablo Garrido, realizaron hoxe unha visita ao CEIP Manuel Padín Truiteiro e á Galiña Azul, onde comprobaron de primeira man as actuacións realizadas e as necesidades de ambos os centros.
No CEIP Manuel Padín Truiteiro, os traballos inclúen a limpeza dos muros exteriores e interiores dos patios, labores de desbroce e acondicionamento xeral das zonas exteriores, así como a revisión dos azulexos dos vestiarios do pavillón.
Tamén se está a realizar o pintado do ximnasio e do comedor, o mantemento da baranda exterior do patio, coa reparación dos seus ancoraxes e posterior pintado, e a colocación de estores na aula de 1ºB e no ximnasio, que xa se atopan no centro.
Durante a visita, os responsables municipais estiveron acompañados pola directora do CEIP Manuel Padín Truiteiro, Olalla Obelleiro, e pola directora da escola infantil A Galiña Azul, Pilar Fernández, para coñecer directamente as necesidades dos centros e coordinar as actuacións necesarias.
No caso da Galiña Azul, os traballos de mantemento contemplaron a revisión do aparato de aire acondicionado, o arranxo de manillas e portas, a substitución do pavimento da aula 2-1 e a renovación das luces.
Desde o Concello de Soutomaior destacan que estas actuacións forman parte do traballo continuo de mantemento, conservación e mellora das instalacións educativas municipais, co obxectivo de que alumnado e profesorado dispoñan de espazos adecuados, seguros e en boas condicións para o desenvolvemento da actividade educativa.
O concelleiro de Educación, Gonzalo Outeiro, salientou a importancia de manter unha comunicación permanente cos equipos directivos para detectar as necesidades dos centros e poder actuar con maior rapidez, mentres que o concelleiro de Obras, Pablo Garrido, puxo en valor o traballo realizado polos servizos municipais para ter as instalacións a punto ao comezo do curso.

