O Concello executou durante o verán máis de 110.000 euros en obras e melloras nos cinco colexios, nas dúas escolas infantís e nas trece aulas do CRA.
Durante os meses de verán, o Concello de Tomiño executou traballos de mantemento, renovación e accesibilidade nos cinco colexios de primaria, nas dúas escolas infantís e nas trece aulas unitarias do CRA Mestre Manuel Garcés, co obxectivo de que todas as instalacións estean preparadas para o inicio do novo curso escolar.
En total, realizáronse actuacións por un importe superior aos 110.000 euros, destinadas tanto á conservación habitual dos centros como á mellora dos edificios e dos espazos exteriores. Dentro deste investimento inclúese a renovación integral do pavimento da Escola Infantil de Tomiño, cun orzamento de 26.000 euros e unha achega de 16.000 euros do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.
“Aproveitamos as vacacións para realizar aqueles traballos máis difíciles de compatibilizar coa actividade lectiva e garantir que o alumnado e o profesorado regresen a centros coidados e en boas condicións”, explica a alcaldesa, Sandra González. A rexedora salienta que “son actuacións moi variadas, desde o mantemento habitual ata obras de accesibilidade ou renovación de instalacións, pero todas repercuten directamente no día a día da comunidade educativa”.
Como parte da posta a punto xeral, o Concello revisou as instalacións eléctricas e de fontanería, os canalóns e as cubertas. Tamén levou a cabo a limpeza dos centros, incluídas as fiestras, os patios, os areeiros e as hortas escolares, ademais dos habituais labores de desratización e desinsectación.
No CEIP Pintor Antonio Fernández de Goián pintáronse as aulas de infantil, a dirección, a secretaría, a sala de profesorado e o patio cuberto. Tamén se instalou tarima en varias aulas e se realizaron melloras no patio exterior. No CEIP de Tebra renovouse a pintura das aulas de infantil e primaria e actuouse na entrada exterior, na cuberta do comedor e no pavillón deportivo, onde se cambiou a localización do portal de acceso e se instalou un novo ventanal.
No CEIP de Barrantes pintáronse aulas, a secretaría, a dirección, a sala de profesorado e a entrada do comedor. As actuacións completáronse coa mellora do peche exterior, da instalación de fontanería para solucionar os problemas de presión e da fosa séptica. Pola súa banda, no CEIP de Sobrada construíuse unha nova rampla accesible entre a parada do autobús e o centro e reparáronse as repisas das fiestras.
Os traballos no CEP Pedro Caselles Beltrán incluíron o pintado do comedor, de varias aulas e do teito da cociña, a colocación de tarima e novas luminarias e o illamento das tubaxes da calefacción. Tamén se instalaron elementos antiesvarantes nas ramplas accesibles, realizáronse diferentes melloras na secretaría e nas paredes das portas dos ascensores e reparouse a charca.
O Concello actuou tamén nas aulas do CRA Mestre Manuel Garcés. Limpáronse fachadas e muros en Barro e Figueiró, realizáronse traballos de pintura na aula Aurora, en Estás e na sede, e melloráronse os patios do Seixo, Barro e Figueiró. Ademais, instaláronse novas cubertas en Vilachán, persianas enrolables en Barro e Figueiró e un novo portal no Seixo, mentres que a aula de Barro conta xa cun novo mural.
Na Escola Infantil de Tomiño, ademais da renovación do pavimento, pintáronse as aulas e realizáronse melloras no patio exterior e na cuberta. Na Escola Infantil de Goián instalouse unha nova estrutura para os berces, acondicionáronse o peche de madeira e a fachada exterior das aulas e incorporáronse novas xardineiras e un areeiro.
“Cada unha destas melloras contribúe a que os nenos e nenas e as persoas que traballan nos centros desenvolvan a súa actividade en espazos máis cómodos, seguros e accesibles. Por iso dende o Concello mantemos un investimento constante nunhas instalacións fundamentais para a educación pública e para as familias de Tomiño”, conclúe a alcaldesa.

