Tomiño pon en valor o talento da súa mocidade con tres días de creación e cultura

Redacción

O Auditorio de Goián acollerá do 25 ao 27 de setembro o ciclo «Mocidade Talentosa», con propostas de música, teatro e audiovisual de entrada gratuíta. Sandra González destaca que “apoiar as novas xeracións é ofrecerlles oportunidades para compartir o seu traballo e seguir medrando”

O Auditorio de Goián será esta fin de semana un escaparate do talento das novas xeracións tomiñesas coa celebración de “Mocidade Talentosa”, un ciclo que reunirá do 25 ao 27 de setembro tres propostas de música, teatro e audiovisual creadas e protagonizadas por mozas e mozos do municipio. A iniciativa nace co obxectivo de apoiar a súa traxectoria e dar visibilidade ao seu traballo, ofrecéndolles un espazo no que compartir coa veciñanza a súa creatividade e as súas inquedanzas.
Tomiño conta cunha importante tradición artística que as novas xeracións continúan enriquecendo con linguaxes, ideas e proxectos propios. Este ciclo recolle ese legado e abre unha xanela á creación actual, cunha programación que combina a música lírica, a reflexión sobre o acceso á vivenda e a memoria cultural do territorio.
A alcaldesa, Sandra González, salienta que “en Tomiño hai mozas e mozos con moito que dicir e cun traballo detrás que merece ser coñecido. Desde o Concello temos a responsabilidade de acompañalos e de crear oportunidades para que poidan compartir o que fan e medrar aquí, co apoio da súa xente”.
A programación comezará o venres 25 de setembro, ás 21.00 horas, coa actuación do Trío Zarzuela Viva. Un tenor, unha soprano e un piano darán forma a unha proposta que combina tradición e contemporaneidade a través da voz lírica e da música.
O sábado 26 de setembro, ás 21.00 horas, será a quenda de CA – CO – FLEX, unha obra de teatro que aborda con humor e parodia a precariedade de compartir espazo nun contexto de crise da vivenda. Sobre un escenario de cartón, catro intérpretes reconstrúense en cada escena para reflectir esa inestabilidade constante.
O ciclo pecharase o domingo 27 de setembro, ás 17.30 horas, coa presentación do filme “A Memoria do Miño”. O seu guión afonda na historia e na memoria cultural do río a través de relatos vinculados ao territorio e á identidade galega.
Sandra González convida a veciñanza a participar nas tres citas e a descubrir o traballo das novas xeracións: “Ás veces coñecemos mellor o que se fai lonxe ca o talento que temos ao noso carón. Este ciclo é unha oportunidade para achegarnos a el, desfrutalo e facer que as nosas mozas e mozos sintan o respaldo do seu pobo”.

Comparte este artigo