A celebración incorporará como gran novidade a I Feira do Viño Rosado de Galicia, que terá lugar xunto á exaltación da empanada de millo e a xuntanza BaRes Mos
A Festa da Rosa de Mos celebrará este ano a súa 53ª edición cunha ampla programación cultural, gastronómica, musical e deportiva que terá como un dos grandes protagonistas ao humorista Xosé Antonio Touriñán, encargado do pregón do día grande da festa.
O Pazo de Mos acolleu esta mañá a presentación oficial dunha nova edición da Festa de Rosa, declarada de Interese Turístico de Galicia e consolidada como unha das citas máis importantes do calendario festivo galego.
No acto participaron a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo; o director da Axencia Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles; e o director de AGACAL, Martín Alemparte, quen puxeron en valor o peso cultural, turístico e social dunha festa que “medra cada ano sen perder a súa esencia”. Ao acto asistiu tamén Iván Gómez, xerente de Regina Viarum (Disgobe S.A.) e unha nutrida representación do tecido asociativo, cultural e deportivo de Mos, como Mulleres Rurais de Mos, a asociación de bares e restaurantes BaRes Mos, Palilleiras de Mos ou Fundación Pazo de Mos.
A principal novidade desta edición será a creación da I Feira do Viño Rosado de Galicia, unha iniciativa que nace con vocación de continuidade e que converterá Mos nun escaparate para a promoción dos viños rosados galegos e das distintas denominacións de orixe.
A feira contará coa participación de adegas das DO Monterrei, DO Valdeorras e DO Ribeira Sacra, coa colaboración de AGACAL, e compartirán protagonismo coa tradicional exaltación da empanada de millo, que celebra a súa XVII edición, organizada pola Asociación de Mulleres Rurais de Mos e coa quinta edición da Xuntanza BaRes Mos.
A programación arrancará o venres 5 de xuño co concerto internacional de Cali & El Dandee no Pazo de Mos, dentro da programación dos Concertos do Xacobeo e co patrocinio de Turismo de Galicia.
O sábado 6 celebrarase, tamén no Pazo de Mos, o Concurso Premio Estrellas da Panadería Española, ademais do III Torneo de Fútbol “As Rosas” en Cototorrón.
O domingo 7 desenvolveranse distintas actividades culturais e deportivas como o Canto Conto, que chega xa á súa décima edición, o Memorial de Fútbol “Juan Estévez Nené”, o Festival das Escolas de Patinaxe de Mos e o VIII Festival Abrente Folk.
Xa o venres 12 de xuño, a Praza do Concello acollerá “A Rosiña”, a festa infantil para escolares, o tradicional lanzamento do foguete de inicio da Festa da Rosa e a actuación da Orquestra Asia.
O sábado 13 chegará o día grande da Festa da Rosa coa celebración do tradicional Concurso de Rosas e da Empanada de Millo no Pazo de Mos, a misa solemne na Igrexa de Santa Eulalia e a ofrenda floral aos Marqueses de Mos.
Durante a xornada terá lugar tamén o pregón de Touriñán, o nomeamento dos novos Valedores e Valedoras da Rosa de Mos e a inauguración oficial da I Feira do Viño Rosado de Galicia. A programación gastronómica complétase coa tradicional exaltación da empanada de millo e cunha nova edición da Xuntanza BaRes Mos, organizada da man dos hostaleiros locais, reforzando a aposta pola promoción da gastronomía e do tecido empresarial do municipio. Haberá comida, bebida e concertos para gozar dunha Feira de dous días de 12:00 a 22:00 horas.
Así, a música será tamén outro dos grandes atractivos da xornada coa programación “Concertos de Viño e Rosas”, que contará coas actuacións de Los Lunes al Sol, Dani Barreiro, Uxía Lambona e Quinkillada.
O domingo 14 continuará durante toda a xornada a Feira do Viño Rosado de Galicia e a Xuntanza BaRes Mos, ademais das actuacións de Os Mangcarballos, Trío Somoza, Peter Punk e La Duendeneta.
Ese mesmo día celebrarase tamén o Festival de Patinaxe de Verán do Club Patinaxe Xiramos no pavillón Óscar Pereiro.
A programación continuará o sábado 20 co tradicional Desfile de Palilleiras de Mos e o VI Concurso Noveis Deseñadores 2026 no Pazo de Mos. Precisamente, o gañador da edición do pasado ano, Johannes Senior, deseñará e confeccionará o vestido que lucirá Nidia Arévalo no día central da Festa da Rosa, tal e como anunciou hoxe a rexedora durante a presentación.
O domingo 21 celebrarase a XVIII Xuntanza de Palilleiras de Mos e o III Torneo de Xadrez Festa da Rosa.
As actividades pecharanse os días 27 e 28 de xuño co IX Trofeo de Patinaxe “Vila da Rosa” do Club Blossom e o Festival de Baile de Escolas “Patricia Martínez”.
Desde o Concello destacaron e agradeceron especialmente o traballo das asociacións, colectivos culturais e deportivos, hostaleiros, comercio local e veciñanza que fan posible unha festa destas dimensións.
A alcaldesa convidou ademais “a toda Galicia” a achegarse a Mos para descubrir “a nosa cultura, a nosa gastronomía, as nosas tradicións e a hospitalidade da nosa xente”.

