Unha trintena de pregrinos do Club Vía Láctea, de Santiago, percorren un novo tramo da Vía Mariana entre Verducido, Caritel, Aguasantas e Valongo

Redacción

Os camiñantes visitaron o patrimonio relixioso e etnográfico de varias parroquias da Lama, Ponte Caldelas e Cerdedo Cotobade.

Unha trintena de peregrinos do Club Vía Láctea, de Santiago, completaron esta fin de semana unha nova etapa da Vía Mariana, a ruta de peregrinación que une Braga e Compostela e que o grupo realiza de forma progresiva desde o pasado mes de xaneiro.

A xornada desenvolveuse entre Verducido e Valongo, cun percorrido que permitiu aos participantes coñecer de primeira man o patrimonio histórico, cultural e relixioso das parroquias de Verducido, Forzáns, Caritel, Aguasantas e Valongo. Membros da Asociación Luso-Galaica Vía Mariana acompañaron aos peregrinos ao longo do traxecto.

O inicio da etapa tivo lugar en Verducido (A Lama), onde o párroco Gonzalo González selou as credenciais dos participantes. Posteriormente, Javier Blanco, de Oitaven Life, explicou a relevancia histórica da Serra do Suído e a súa vinculación coa comarca, destacando o papel do antigo Camiño dos Arrieiros como eixo económico e cultural durante séculos.

Xa iniciado o percorrido, os peregrinos detivéronse no Cruceiro das Bazocas, no barrio do Porto, onde o veciño Domingo Rumbo compartiu diversas historias e tradicións vinculadas a este emblemático enclave.

A ruta continuou por terras de Ponte Caldelas e á súa chegada a Forzáns, os participantes visitaron a igrexa de San Fiz grazas á colaboración dos veciños Lidia Torres e Agapito Sestelo, mentres que Antón Xil, presidente da Asociación Cultural O Torreiro, ofreceu unha explicación sobre a historia da parroquia e do seu templo.

Outra das paradas destacadas foi a igrexa de Santa María de Caritel, que impresionou aos visitantes pola súa arquitectura e dimensións. A visita foi posible grazas á colaboración do párroco Benito Vázquez e dos veciños Pepe e José Luis.

O itinerario seguiu polas beiras do río Verdugo, pasando polas históricas poldras da Fraga e a aldea de Portasouto, antes de entrar no concello de Cerdedo Cotobade. En Aguasantas, as veciñas Delia e Estrella recibiron aos peregrinos na igrexa de Santa María e agradeceron a visita ao templo.

A etapa concluíu en Valongo, onde Otilia Fortes e Ángeles recibiron ao grupo na igrexa de San Andrés. Ademais de presentarlles aspectos da historia local, deron a coñecer a tradicional Festa da Filloa, que se celebra cada mes de setembro. Os peregrinos tiveron tamén a oportunidade de degustar este produto típico galego, cortesía da propia Otilia Fortes.

O Club Vía Láctea retomará a súa marcha pola Vía Mariana dentro de quince días, cando continuará o percorrido por terras de Cerdedo Cotobade ata chegar á parroquia de San Xurxo de Sacos.

Comparte este artigo