Ventos do Val organiza o seu Concerto de Primavera este sábado

Redacción
Lectura mínima de 3

A Coral Polifónica Ventos do Val organiza, un ano máis e tras 26 edicións consecutivas, o seu concerto “Primavera 2026”, que terá lugar o sábado 18 de abril ás 19:00 horas no Auditorio Municipal Multiusos As Pozas, en Petelos (Mos).

A entrada será libre e gratuíta para todas aquelas persoas que desexen asistir.

Neste evento musical, ademais da coral anfitrioa, participarán a Coral Polifónica San Blas de Budiño (O Porriño) e a Coral Polifónica de Quiroga (Lugo).

Este concerto é entendido polos membros da coral organizadora como un verdadeiro intercambio cultural entre agrupacións, así como unha oportunidade para achegar a cultura, na súa vertente do canto coral, a toda a cidadanía.

Dende Ventos do Val auguran, con modestia, que “será un concerto bonito”, capaz de arrincar aplausos emocionados entre os amantes do canto coral e musical que asistan.

No repertorio desta edición, a Coral Polifónica Ventos do Val de Petelos interpretará cinco pezas que abranguen distintos estilos, como cancións populares galegas, habaneras, xotas, boleros e zarzuelas.

A Coral Polifónica Ventos do Val fundouse no ano 2000 en Petelos (Mos) e está composta por 34 voces mixtas. Trátase dunha agrupación consolidada, con 26 anos de traxectoria, sustentada nunha base sólida que se reforza, entre outros aspectos, con catro horas de ensaio semanais en horario vespertino, arredor das 21:00 horas, distribuídas entre os luns e os mércores.

Ao longo destes anos, Ventos do Val levou con orgullo o nome do seu municipio natal, Mos, por toda a xeografía autonómica, nacional e internacional.

A filosofía da coral faise patente ao conversar con calquera dos seus membros: é unha agrupación sen ánimo de lucro que vive o canto coral como unha vocación, á marxe das profesións dos seus integrantes. Definen a música como “paz”, como un elemento que une e que engancha a quen ama o canto coral.

Entre os seus obxectivos máis inmediatos atópanse mellorar o seu repertorio e establecer intercambios con outras agrupacións corais, tanto locais como doutros municipios, que contribúan ao enriquecemento cultural mutuo.

Comparte este artigo