Viascón, en segunda división tras 15 anos de gobernos liderados polo PP de Cubela

Redacción

O PP vota en contra de melloras na parroquia, que a sacasen do abandono á que foi sometida polos gobernos municipais do PP

O PP volve dar as costas a Viascón, no Pleno ordinario da corporación municipal do mes de xullo, rexeitando a iniciativa do BNG que demandaba unha axenda de investimentos que sacase á parroquia do esquecemento de tantos anos de abandono.
Na iniciativa rexeitada, o BNG solicitaba que a corporación municipal instase a:

  1. Mellorar a mobilidade, a accesibilidade e a seguranza viaria na estrada EP-0404 (ViascónCarballedo), executando un proxecto de que inclúa a dotación de beirarrúas, mobiliario urbano, iluminación led, canalización de pluviais, pasos de peóns e calmado de tráfico.
  2. Humanizar os treitos da antiga nacional (Comercial Gardiz e o Valiño como referencias).
  3. Mellorar, de forma integral as vías interiores dos lugares de Viascón, unhas vías moi deterioradas, con malos accesos, que non garanten a seguridade nin do tráfico rodado nin peonil.
  4. Crear dous núcleos de centralidade veciñal. A parroquia precisa de espazos con identidade propia para desenvolver a vida social, cultural e esparcemento: Praza de Cabanelas e Praza Ricardo Portela na contorna da Casa do Monte de Viascón: Empedrado e humanización da praza de Cabanelas e as vías de acceso coas respectivas melloras no saneamento, pluviais, iluminación led, mobiliario; eliminación do escudo franquista, limpeza e rehabilitación da augas da Fonte de Cabanelas. Acondicionamento da contorna da Casa do Monte: Humanizar todo o espazo a carón do edificio parroquial, empedralo e humanizalo así como ordear e calmar o tráfico.
  5. Priorizar ás máis que anunciadas reformas integrais da contorna das piscinas de Cabanelas.
  6. Renovar a precaria rede de saneamento, rematar a rede nos barrios da parroquia que ainda non contan co servizo e construción dunha EDAR.
    Eliminación da simboloxía franquista
    O portavoz municipal do BNG lembroulle ao alcalde a “obriga ética e legal” de proceder á eliminación do espazo público dos elementos de exaltación do réxime franquista que aínda a día de hoxe campan ás súas anchas en fontes, edificios e outros bens públicos, así como en diferentes mencións conmemorativas. Filgueira instou ao alcalde a actuar dunha vez por todas porque “é o mínimo que pode facer pola memoria e a dignidade das persoas represaliadas polo fascismo, e porque así llelo pedíu este mesmo pleno en novembro de 2021, sen que vostede fixese nada por efectivizalo”.
    Denuncia da situación da sanidade pública
    O portavoz nacionalista chamou a atención sobre o “deterioro planificado” da sanidade pública por parte da Xunta de Galiza, que afecta gravemente ao noso concello neste verán, e lembrou que, a pesar de todos os anuncios rimbombantes, “seguimos sen contar cunha ambulancia no PAC de Cerdedo”, as listas de agarda para consulta médica son eternas, e do servizo de pediatría, mellor non falar, xa que só están contempladas dúas citas, unha o 3 de agosto en Forcarei e outra o 4 en Tenorio, tal e como denuncian desde a Plataforma da Sanidade Pública de Cerdedo.
  7. Diante desta escandalosa situación, Filgueira preguntou se o alcalde fixo algunhas xestións diantedo SERGAS para que poña fin á precaria atención sanitaria que se sofre no municipio e, en caso de non facelas, a que se debe tal deixación de funcións, improprias de quen debe atender ante todo ás necesidades dos nosos veciños e veciñas.
    Control da calidade das augas nos espazos de recreo habilitados para baño No pleno, Ernesto Filgueira interesouse tamén por se o concello está a realizar as analíticas pertinentes da calidade das augas nos espazos de recreo habilitados para o baño no termo municipal, xa que estamos nunha época do ano no que son moitas as persoas que fan uso deles.
Comparte este artigo