A alcaldesa de Mos reúnese coa Federación de Rondallas da Área Metropolitana para planificar a temporada

Redacción

O Concello conta con cinco formacións, catro delas federadas: Rondalla Santa Eulalia de Mos, Rondalla de Torroso, Rondalla de Herville, Rondalla de Guizán e Rondalla de Pereiras, esta última de recente creación

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo Gómez, reuniuse onte con Serafín Rodríguez, presidente da Federación de Rondallas da Área Metropolitana, e con Serafín Castro, membro da directiva da entidade, para abordar a planificación da temporada e analizar as vías de colaboración co Concello.

Durante o encontro tratáronse cuestións relacionadas coa organización das actividades, a coordinación entre as agrupacións e as administracións locais, así como as necesidades do colectivo. A Federación agrupa actualmente 18 rondallas, catro delas no municipio de Mos (Rondalla Santa Eulalia de Mos, Rondalla de Torroso, Rondalla de Herville e Rondalla de Guizán), onde existe unha quinta rondalla, a de Pereiras, de recente creación, que reforza a presenza e a continuidade desta tradición musical.

Outro dos asuntos abordados foi o Certame de Rondallas do Ifevi, organizado pola Federación. A celebración deste evento require unha estreita coordinación entre as entidades participantes, así como un importante despregamento de medios técnicos, humanos e económicos.

Mos promove tamén a tradición rondalleira a través do Rondallas Fest, unha iniciativa cultural impulsada polo Concello de Mos e celebrada no Pazo de Mos. O festival, que naceu trala rodaxe da película “Rondallas”, de Daniel Sánchez Arévalo, ten como obxectivo dar visibilidade ao patrimonio musical do municipio.

A reunión enmárcase na colaboración entre a Federación e os concellos da área metropolitana para preparar a temporada, apoiar as agrupacións e contribuír á continuidade e promoción desta tradición cultural.

Comparte este artigo