- O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, visitou hoxe os obradoiros impulsados pola Asociación de Artesáns de Ourense no seu local e no taller de Olería do Batán en Baños de Molgas, e logo estivo na VI Fornada Tradicional de Niñodaguia
- Pola súa banda, a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, asistiu ao obradoiro de coiro que está a impartir Antonina Kadyrova na Casa Artesanía de Galicia en Ribadavia, con motivo dos Días Europeos da Artesanía
- Ademais, hoxe celébrase unha nova edición do evento Artesanía de Galicia en Merza na que participarán oito obradoiros especializados en xoguetes, xoiería, moda, instrumentos musicais, coitelos, encadernación e cerámica
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, visitou esta mañá diferentes actividades de divulgación da artesanía que se están a celebrar na provincia de Ourense con motivo dos Días Europeos da Artesanía e que contan coa colaboración da Xunta. Así, achegouse ata as actividades programadas pola Asociación de Artesáns de Ourense no local desta entidade na rúa Colón, onde se estaban a desenvolver un obradoiro de bixutería impartido por María Aba, un obradoiro de vidro con Graciela Jiménez e un obradoiro de coiro con Mestura de Kores. Posteriormente, achegouse ata o taller de Olería do Batán, en Baños de Molgas, onde houbo unha demostración de olería tradicional de Tioira.
Deseguido, Gabriel Alén desprazouse ata Xunqueira de Espadanedo —acompañado polo director xeral de Patrimonio Cultural, Ángel Miramontes, e polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo—, onde hoxe se celebra a VI Fornada Tradicional de Niñodaguia, nos arredores do Museo da Olería. O obxectivo da Fornada é poñer en valor a olería tradicional de Niñodaguia e o seu característico “barro amarelo”, que está considerada festa de interese etnográfico desde o ano 2019 e que desde 2023 se enmarca nos Días Europeos da Artesanía.
Pola súa banda, a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, achegouse ata a Casa Artesanía de Galicia en Ribadavia, onde hoxe se está a desenvolver un obradoiro de marroquinería impartido pola artesá Antonina Kadyrova, con motivo dos Días Europeos da Artesanía. Mañá domingo haberá dous obradoiros de arranxos florais a cargo de Olueis, un en quenda de mañá e outro de tarde, para os que é preciso realizar unha inscrición previa na web da Fundación Artesanía de Galicia.
Artesanía de Galicia en Merza
Tamén coincidindo coa celebración dos Días Europeos da Artesanía, celébrase hoxe unha edición do evento Artesanía de Galicia en Merza, en colaboración co obradoiro Eferro, no seu novo espazo de actividades culturais e lúdicas eferroGhalpón, nesta parroquia de Vila de Cruces. Trátase dun programa de feiras de comercialización de Artesanía de Galicia de carácter mensual. Na edición de abril participan oito obradoiros de Artesanía de Galicia: A Casa Rodante, especializado en cerámica, téxtil e encadernación; Enxógate, dedicado aos xoguetes; Nobelo a Nobelo, de complementos de moda; Lumecú, de elaboración de roupa; Sanín Percusión Tradicional, de instrumentos musicais; Celso Ferreiro, especializado en coitelos; e os obradoiros Pipa Pirita e Roberto Buchanan, dedicados á xoiería.
No mesmo horario da feira -de 11,00 a 15,00 e de 16,00 a 20,00 h.- haberá obradoiros gratuítos e abertos a todos os públicos de elaboración de papel artesanal, impartido por A Casa Rodante, e de elaboración de chaveiros de zocos, impartido por Elena Ferro. A feira completa a súa programación cunha sesión vermú a cargo de Eris Mackenzie a partir das 13,30 h.

