Xosé Merelles salienta o papel desta celebración, declarada Festa de Interese Turístico de Galicia, na promoción da enogastronomía e na dinamización turística das Rías Baixas
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, xunto ao director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, participou hoxe na 67ª edición da Festa do Viño do Condado de Tea, unha das celebracións enogastronómicas de maior tradición de Galicia que, desde 2016, está declarada Festa de Interese Turístico de Galicia.
A cita, que se desenvolve do 28 ao 30 de agosto, conta este ano cunha participación récord de 29 adegas e máis de 100 referencias de viños, ademais de catas comentadas, o Túnel do Viño, propostas gastronómicas e unha ampla programación musical e cultural.
O director de Turismo de Galicia salientou que eventos como a Festa do Viño do Condado de Tea “son un exemplo de como a tradición, a cultura, a gastronomía e o produto local poden converterse nunha ferramenta de dinamización turística e de posicionamento de Galicia como un destino auténtico e diferencial”. Neste sentido, destacou o compromiso da Xunta coa promoción das festas populares pola súa capacidade para atraer visitantes, reforzar a identidade dos destinos e diversificar a oferta turística.
Xosé Merelles tamén puxo en valor a vinculación da festa coa herdanza gastronómica galega e coa tradición vitivinícola das Rías Baixas, en liña coa Estratexia de Turismo de Galicia 2030, que sitúa a gastronomía como un dos eixos vertebradores da oferta turística da comunidade. En 2025, preto de 160.000 turistas realizaron en Galicia viaxes vinculadas ao turismo gastronómico, cun gasto medio diario de 122,50 euros por persoa, superior á media nacional.
Unha celebración con máis de seis décadas de historia
A Festa do Viño do Condado de Tea ten as súas orixes en 1959. Na súa primeira edición organizouse o Gran Concurso de Viños do Condado, no que pequenos produtores das distintas parroquias presentaban os seus viños brancos e tintos, que eran valorados mediante unha cata a cegas.
Desde 1998, a celebración centra a súa promoción nos viños da Denominación de Orixe Rías Baixas, especialmente do territorio do Condado do Tea, consolidándose como unha das grandes citas da cultura vitivinícola galega.
A cita ten ademais como escenario a Fortaleza de Salvaterra, conxunto histórico declarado Ben de Interese Cultural (BIC), que constitúe un dos principais elementos diferenciais da festa e reforza a súa dimensión turística ao combinar patrimonio, viño e gastronomía.

