- As obras xa están en marcha e con elas se crearán 18 novas prazas, coas que o centro aumentará a súa capacidade ata as 56
- A conselleira salienta o compromiso da Xunta cun modelo de coidados baseado na calidade e na proximidade
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, reuniuse na xornada de onte co alcalde de Crecente, Julio César García-Luengo, para analizar como se están a desenvolver os traballos de ampliación da residencia de maiores municipal que está a financiar a Xunta. Fabiola García destacou a importancia que ten esta actuación para reforzar os servizos de atención ás persoas maiores da localidade pontevedresa.
O Goberno galego inviste 500.000 euros nunhas obras que permitirán crear 18 novas prazas, de tal maneira que o centro residencial aumentará a súa capacidade ata as 56. Esta intervención forma parte da vintena de proxectos que está a sufragar a Administración autonómica a través do seu Plan de Investimentos, dotado de 18,5 millóns de euros de fondos europeos do Mecanismo de Recuperación, Transformación e Resiliencia (MRR). Este Plan, acordado coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), porá a disposición das familias 650 novas prazas públicas de atención residencial e de centro de día en concellos rurais e de menor poboación.
A conselleira destacou o compromiso da Xunta cun modelo de atención e coidados baseado na calidade e na proximidade. Neste sentido, indicou que o Plan de Investimentos fai posible que os concellos se doten ou melloren as súas residencias, centros de día, vivendas comunitarias e centros sociais.