O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, abordou hoxe co alcalde de Cerdedo Cotobade, Jorge Cubela, cuestións vencelladas coas áreas do seu departamento. En concreto, afondaron nas posibles vías de colaboración para a mellora das infraestruturas culturais de cara a que estean nas condicións axeitadas para acoller a programación de verán. Ademais, tamén analizaron accións de promoción da lingua, de apoio á mocidade e de conservación e preservación do patrimonio de interese para este municipio pontevedrés.
Ademais, o representante de Cultura do Goberno tirou proveito desta xuntanza para analizar polo miúdo co rexedor as modificacións da Lei 5/2016 do Patrimonio Cultural de Galicia, que permiten reducir os tempos de espera, tanto por parte da cidadanía como das institucións, co obxectivo de que o coidado do patrimonio non supoña un impedimento para o desenvolvemento de proxectos vitais ou profesionais. Neste senso, cómpre subliñar que, na actualidade, a Xunta de Galicia é a única administración autonómica que informa dos bens de todo o territorio con independencia de cal sexa o seu grado de protección, o que supón a xestión cada ano de 30.000 expedientes cun prazo de resolución aproximado de entre seis e 12 meses.

