A mostra, situada no exterior dos Cines Municipais da Ramallosa, encádrase no ‘Mes da Memoria’ do Concello, adicado este ano a Inocencio Misa, veciño de Camos que tras pasarse ao bando republicano loitou na columna Durruti, sufríu a ‘retirada’ e o confinamento nesta campo de concentración e puido exiliarse a América no ‘Winnipeg’ de Pablo Neruda
A programación continúa o vindeiro venres 27 e sábado 28 na Biblioteca Municipal coa presenza da asociación ‘l’Amicale’ do campo de concentración de Vernet d’Ariège
O Concello de Nigrán inaugurou esta fin de semana e ata o venres 27 de novembro no exterior dos Cines Municipais da Ramallosa unha exposición de 45 debuxos realizados por internos no campo de concentración de Vernet (Francia) entre os anos 1939 e 1943. A mostra inaugura o ‘Mes da Memoria’ do Concello, adicado este ano a Inocencio Alonso Misa, veciño de Camos moi pouco coñecido falecido en 2007 e que, tras pasarse ao bando republicano, loitou na columna Durruti e sufríu a ‘retirada’ e o confinamento neste preciso campo de concentración, desde onde puido exiliarse a América no barco ‘Winnipeg’ grazas á iniciativa do entón cónsul en Francia Pablo Neruda. Os debuxos (copias de orixinais) chegan a Nigrán grazas á asociación ‘l’Amicale’ do campo de concentración de Vernet d’Ariège, e reflexan as terribles condicións de vida neste lugar. A exposición trasladarase desde o 27 de novembro e ata o 10 de decembro á Biblioteca Municipal, onde descendentes de internos de Vernet (fundadores desta asociación francesa) farán unha visita guiada o venres 27 (19:00 horas) para ofrecer tamén unha charla e participar na presentación do libro editado para a ocasión polo Concello de Nigrán titulado ‘Inocencio Alonso Misa. O xastre de Camos’, de Xerardo F.Santome, antropólogo e historiador vigués que investigou durante 40 anos a figura de Inocencio, incluíndo un enlace de vídeo a unha entrevista que lle realizou nos seus últimos meses de vida na residencia do Meixoeiro. Ao día seguinte, sábado 28, manterán un encontro con asociacións memorialísticas da provincia.
Este campo de internamento francés (1918-1944) situado nos Pre-Pireneos franceses serviu para internar a prisioneiros austriacos durante a Primeira Guerra Mundial. No período de entre guerras utilizouse como depósito de material. A partir de 1939 as autoridades francesas confinaron aquí a refuxiados españois, que se exiliaron de España tras o final da Guerra Civil. Primeiro internáronse no mes de febreiro de 1939 aos dez mil combatentes da División Durruti que tras pasar a fronteira atopábanse recluídos en Latour-de-Carol, entre eles estaba Inocencio Alonso Misa. Despois ampliouse o seu ámbito converténdose nun campo disciplinario para refuxiados procedentes doutros campos da costa mediterránea francesa, cualificados como extremistas e a combatentes das Brigadas Internacionales.al iniciarse la II Guerra Mundial, a partir de setembro de 1939, o campo foi utilizado para internar a todos os estranxeiros sospeitosos ou perigosos para a orde pública en Francia, intelectuais antifascistas ou xudeus, de todas as nacionalidades: alemáns, franceses, iugoslavos, españois, italianos, rusos, belgas. As condicións inhumanas nas que viviron os refuxiados foron narradas por escritores como Max Aub ou Arthur Koestler, eles mesmos internados neste campo. A partir de 1942 foi utilizado pola Gestapo como campo de tránsito para xudeus, baixo o réxime de Vichy. En xuño de 1944, os últimos internados foron evacuados do campo deportándose aos homes ao Campo de concentración de Dachau e ás mulleres ao Campo de Concetración de Ravensbrück. Inocencio Alonso pasou internado 6 meses alí e os califica como os máis duros da súa vida, chegando a perder a vista temporalmente a consecuencia da grave desnutrición. “Póñome nervioso só de lembralo. Había momentos de tanta dureza que esquecíame de que era persoa”, referíu sobre estes días terribles a Juan González, alcalde de Nigrán e quen o entrevistou como historiador para o seu libro ‘Memoria dunha guerra’.
“Resulta especialmente emocionante para min rescatar do esquecemento a Inocencio, unha persoa cunha biografía impactante que me enorgullece por en valor por todo o que representa”, valora Gonzalez. “O Mes da Memoria de Nigrán ten servido para recuperar a figura dos Mestres Jose Vazquez Grela (asasinado) ou Sebastian Pena (sancionado) e para recuperar sucesos terribles como a coñecida como ‘A volta dos nove’. Agora falamos dun veciño que foi como apoderado nunha mesa electoral nuns comicios democráticos e que pagou as consecuencias durante practicamente toda a súa vida”, reflexiona.
Inocencio Alonso Misa era xastre e tuba da Unión Musical de Coruxo cando estalou a Guerra aos seus 23 anos. A súa participación como apoderado de esquerdas na mesa electoral de San Roque de Camos en febreiro de 1936 condicionou o resto da súa vida. Este feito motivou que os falanxistas o perseguiran desde o primeiro momento, polo que Inocencio de seguido tivo que esconderse nos montes de Coruxo e Camos ata que, desesperado e como como única saída para salvar a vida, decide alistarse cos inxurxentes co obxectivo de desertar na fronte de Zaragoza, onde o 1 de xaneiro de 1937 cruzou baixo as balas ao bando republicano xunto a otros 13 galegos. A partir dese intre, e tras solicitalo expresamente, ingresa na lendaria ‘columna Durruti’ para defender Madrid. Tras a morte deste famoso líder anarquista regresa a loitar en Aragón e, finalmente, perdida a Guerra, como milleiros republicanos protagoniza a retirada a Francia en 1939, onde pasa os peores 6 meses da súa vida no campo de concentración de Vernet d’Ariège ata que en setembro logra exiliarse xunto a otros 2.200 republicanos no barco ‘Winnipeg’ fletado polo entón cónsul en París Pablo Neruda (Premio Nobel de Literatura). Inocencio desembarcou en Chile o 4 de setembro de 1939 en medio dunha festa de recibimento e non pudo regresar a súa terra ata 1982, onde morreu en 2007 (os seus restos reposan xunto aos da súa muller no cemiterio parroquial).
“Os ideais non me deron de comer pero si me deron o convencemento de ter loitado no lado do que debería estar. Eu era desertor e se volvía esperábame a pena de norte. Para min non había perdón”, díxolle a Xerardo, mentres que o alcalde ten recollida a súa reflexión de que “ocorreron cousas que agora deberían darnos vergoña”, e sobre este odio incomprensible Inocencio aínda recordaba na súa senectude como uns amigos cos que tiña saído de farra antes da Guerra chegaron despois a apagarlle un cigarro na cara sendo falanxistas. “A liberdade é como o aire que respiramos, sen liberdade non hai nada”, decía Inocencio. E con este espírito o Concello de Nigrán ten a honra de adicarlle o Mes da Memoria.
A maiores, o venres 4 de decembro ás 19:00 horas nos Cines Municipais da Ramallosa proxectarase a película de animación ‘Winnipeg, el barco de la esperanza”, de Beñat Beitia e Elio Quiroga e que trata, precisamente do barco que levou á liberdade a Inocencio.

