Home Ourense Baixa Limia A Deputación reforza a súa colaboración coa Xunta cunha achega de 363.000...

A Deputación reforza a súa colaboración coa Xunta cunha achega de 363.000 euros para mellorar a seguridade na travesía de Bande

- Anuncio -

Na sinatura do convenio coa Consellería de Infraestruturas, “que abre de novo a porta á cooperación institucional”, Manuel Baltar afirmou que este proxecto “vai ofrecer aos visitantes unha imaxe renovada do concello, cuxos recursos termais e patrimoniais tamén incorporaron máis e mellores servizos grazas á iniciativa da Deputación”

Cun orzamento total de máis de 726.000 euros, as obras inclúen a reforma de interseccións, a continuidade dos itinerarios peonís, estreitamento de carrís, beirarrúas máis anchas, reordenamento dos aparcadoiros, mellora nas paradas de autobús e iluminación específica nos pasos de peóns.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e a alcaldesa de Bande, Sandra Quintas, asinaron hoxe o convenio de colaboración polo que a institución provincial e a Xunta de Galicia financiarán con máis de 726.000 euros o proxecto de mellora da seguridade viaria na estrada autonómica OU-540, ao seu paso pola vila. Un acordo polo que a Deputación achegará o 50 % do custo das obras “cumprindo así o compromiso que asumimos en 2016 para a reforma desta travesía, cun primeiro convenio no que cofinanciamos a construción de beirarrúas”, declarou Manuel Baltar.

“Este novo proxecto vai ofrecer aos visitantes unha imaxe renovada do concello, cuxos recursos termais e patrimoniais tamén incorporaron no seu momento máis e mellores servizos grazas á iniciativa da Deputación”, engadiu, destacando neste sentido a área de autocaravanas construída xunto ao campamento romano de Aquis Querquennis dentro do programa transfronteirizo Raia Termal, ou o acondicionamento dos accesos á capela visigótica de Santa Comba.

O convenio asinado hoxe “abre de novo a porta á cooperación institucional, que é un dos piares da nosa estratexia de goberno”, engadiu Baltar, citando entre outros exemplos de colaboración coa administración autonómica o Centro Galego de Innovación da FP, as achegas a nove concellos para a compra de maquinaria para a prevención de incendios, as axudas a outros dez concellos para os plans da seca, ou o apoio aos sectores máis afectados pola crise do coronavirus coa participación no fondo conxunto destinado á hostalería e o bono turístico.

Ethel Vázquez, pola súa banda, tamén puxo en valor a utilidade da cooperación entre administracións para acometer iniciativas de interese para os cidadáns, indicando que nesta ocasión o convenio permitirá desenvolver unha actuación “ambiciosa e completa que marcará un antes e un despois para o centro urbano de Bande”. O obxectivo da actuación, destacou, é adaptar as condicións da estrada á súa funcionalidade real, xa que a pesar do seu uso urbano a vía conta cunha sección moi ancha e cunha falta de definición de entrada á zona urbana.

“Este é o principal punto de entrada á Baixa Limia e ben merece ofrecer unha nova imaxe aos visitantes que se achegan tanto á vila como á comarca”, afirmou Sandra Quintas. A reforma da travesía, engadiu, non só suporá un notable incremento da seguridade dos peóns fronte ao tráfico, en particular pola significativa presenza de vehículos pesados, “senón que grazas a esta reforma tamén pretendemos reactivar o movemento comercial que no pasado tiña esta travesía”.

O orzamento total do proxecto é de 726.205 euros, que serán financiados a partes iguais pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade e a Deputación de Ourense. Cada administración achegará as súas respectivas contías en dúas anualidades: 127.000 euros no presente exercicio e 236.000 no 2022. Pola súa banda, o Concello de Bande asumirá o proceso de contratación e execución das obras.

O proxecto de reforma da travesía, redactado pola Axencia Galega de Infraestruturas, desenvolve unha proposta formulada pola Dirección Xeral de Tráfico que no seu momento seleccionou esta actuación como prioritaria en Galicia. As obras inclúen a mellora da seguridade viaria nas interseccións, creando unha plataforma única nun destes cruzamentos, ademais de dar continuidade aos itinerarios peonís interrompidos. O plan pon énfase na redución da velocidade mediante o estreitamento de carrís e dando máis anchura ás beirarrúas, ademais de incorporar unha nova capa de firme. Tamén se procederá a reordenar as zonas de aparcamento e mellorar as paradas de autobús, así como a accesibilidade e dotar aos pasos de peóns de iluminación específica.

Relacionadas

A Deputación financiará integramente dous proxectos de modernización de instalacións deportivas no Grove e...

0
No Grove financiará o 100% do acondicionamento do pavillón de deportes do CEIP Plurilingüe Conmeniño, que ascende a 303.000 €, e en Vilanova a...

A Deputación investirá 150.000 euros na dotación de illas ecolóxicas e na instalación de...

0
Estas iniciativas, enmarcadas no proxecto “Da túa man” (rural), beneficiarán a Agolada, Arbo, Barro, Campo Lameiro, Cuntis, Forcarei, Meis, Mondariz, As Neves, Rodeiro e...

A Deputación destina 600.000 € máis para cofinanciar os servizos sociais comunitarios municipais que...

0
Estes recursos van dirixidos a sufragar a prestación do Servizo de Axuda no Fogar e os custos do persoal dos servizos sociais comunitarios en...

O Grupo socialista abandona o pleno da Deputación ante a moción do PP para...

0
Ana Laura Iglesias denuncia que “no goberno de Luís López só hai peóns no xogo irresponsable dun Feijoo para quen todo vale e obsesionado...

Luis López salienta que o +Provincia mobiliza esta semana case 2 millóns de €...

0
Os novos recursos beneficiarán a Cambados, Cangas, Cuntis, A Guarda, A Lama, Marín, Moaña, Mondariz, As Neves, Oia, Pazos de Borbén, Portas e Vilanova...

A Deputación aproba a lista de entidades que se beneficiarán dos obradoiros para maiores...

0
En total, 130 entidades de 42 concellos da provincia teñen asegurada xa unha actividade, coa mobilización de 3.000 persoas. Outras 120 pasan a formar...

Publicacións Relacionadas